
Non é necesario inscrición.
A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos celebrará o vindeiro xoves 12 de xuño unha demostración en campo do uso de drons (UAS) para a aplicación de tratamentos con bioestimulantes sobre castiñeiros.
A xornada desenvolverase ao longo de toda a mañá na aldea de Renche do Concello de Samos (Lugo) e comezará ás 10:00 h., cunha charla sobre as experiencias en rexeneración de soutos que ven desenvolvendo en Asturias durante os últimos anos o Profesor do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo, Pedro Álvarez, natural da Fonsagrada.
A continuación, explicaráselles aos asistentes o programa de probas con bioestimulantes que se vai realizar en soutos de Renche, coa colaboración da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o castañicultor local Saúl Sánchez.
As probas realizaranse cun produto bioestimulante da empresa Agrobio (Almería), e serán aplicados pola empresa Beniu, especializada en tratamentos con uso de drons.
A actividade estará condicionada pola climatoloxía, polo que poderíase trasladarse a outra data, en caso de non ser favorables as condicións meteorolóxicas para o vo dos drons no día elixido. Recoméndase consultar antes a web da Asociación.
Sanadores dos nosos Soutos.
Dos druidas aos drons. Sanadores dos nosos Soutos
Organiza: Asociación Galega das Castañas e dos Soutos
Dos druidas aos drons
Os Druídas eran unha orde de sacerdotes dos antigos celtas, individuos que se estableceron en parte da antiga Galia, nas Illas Británicas e no norte da península ibérica.
As árbores eran consideradas como sagradas, e por tanto tiñan alma, identidade e conciencia.
Cada árbore consagrábase a un deus e cada especie vexetal simbolizaba unha virtude. O castiñeiro representaba a honestidade.
Miles de anos despois, “a modernidade” e a “civilización” , que tamén nos teñen aportado moitas cousas boas, trouxéronnos novos problemas, cambio climático, novas pragas e enfermidades, que fan que teñamos que adaptarnos e loitar con toda a nosa sabeduría, como facían os druidas, para protexer aos nosos compañeiros vexetais.
O sector da castaña en Galicia
A tradición e importancia do sector do castiñeiro de froito en Galicia é innegable. Somos unha das rexións europeas con máis soutos, unhas 40.000 has, aínda que a maioría de baixa produtividade.
Os datos de produción dunha campaña normal sitúanse nos 20 millóns de kg de castañas, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagados a produtores e que, á súa vez, xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización, unha vez transformados, para o que contamos cunha potente e punteira industria, cun marcado perfil internacional (o 89 % expórtase).
A pesar destes datos, o sector produtor enfróntase a grandes retos, como a baixada considerable das producións dos soutos tradicionais debido o abandono e envellecemento da poboación do rural, a escasa profesionalización do sector, a complexidade da elección axeitada de variedades e a miudo o deficiente mantemento das novas plantacións, a adaptación ante o cambio climático e a presenza crecente de pragas e enfermidades: fungos (tinta, chancro, antracnosis), insectos (avispilla, Xyleborus)…
Esta situación levou a que nos últimos anos, dos 20 millóns de kg de castañas comercializadas polas nosas industrias, tan so 5 millóns procederan dos soutos galegos.
Pragas.
Galicia foi tradicionalmente unha zona produtora de castañas, constituíndo unha fonte de ingresos básica para a supervivencia en moitas comarcas. Entre os moitos motivos polos cales esta produción diminuíu moi significativamente nos últimos anos (abandono do rural, envellecemento da poboación, intensificación das producións agrícolas e gandeiras) únese os efectos devastadores como consecuencia do cambio climático (secas, inundacións, bruscas alteracións térmicas), coa consecuente propagación de pragas e enfermidades, unhas coñecidas e outras novas, que repercuten directamente na viabilidade desta actividade.
No ano 2023 calcúlase que a metade da produción de castaña de Europa viuse afectada polos fungos.
Nalgunhas comarcas tradicionalmente produtoras galegas desapareceu practicamente a produción nos últimos anos, como consecuencia destas pragas.
Poderíanse resumir os principais problemas sanitarios do castiñeiro: dous son especies nativas e tres son introducidas, froito da globalización e falta de control nas importacións. As tres especies introducidas son a tinta, o chancro e a avispilla. As dúas autóctonas son a Antracnosis e o Xyleborus.
En Galicia, estímase que desapareceron preto do 60% dos castiñeiros só na provincia de Lugo por culpa da tinta.
Por último están as pragas que afectan á castaña e non ao castiñeiro. Entre as pragas da castaña, destacan tres bolboretas e dous escaravellos, existindo gran descoñecemento sobre os fungos que tradicionalmente atacan á castaña. Destacan Cydia splendana’ (larva esbrancuxada e alongada de bolboreta que estraga o froito), Curculio elephas’ (insecto) e, fundamentalmente, a Gnomoniopsis (fungo).
En Portugal e Italia, por exemplo, están a realizarse nos últimos anos tratamentos en base a bioestimulantes, con resultados prometedores.
Actividade a realizar
Desde a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos pretendemos levar a cabo unha experiencia usando bioestimulantes, cara a fortalecer aos nosos castaños.
Esta experiencia realizarase na comarca de Sarria, unha das zonas tradicionais de produción de castañas galegas. Lembremos que a provincia de Lugo conta co 60 % dos castiñeiros e o 53 % dos soutos de Galicia.
A experiencia realizarase nun souto dun dos nosos socios, do concello de Samos, provincia de Lugo, que ademais ten vacas cachenas en agricultura rexenerativa e apaña as castañas mediante redes de recollida.

UN DOS SOUTOS ONDE SE REALIZARÁ A PROBA CON BIOESTIMULANTES
Os participantes na xornadas
A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos
A Asociación Galega das Castañas de dos Soutos, organizador desta xornada, constituíuse recentemente, en xaneiro do 2024, coa intención de defender e divulgar o sector da castaña e naceu ante o baleiro existente no sector asociativo produtor e a necesidade de afrontar os numerosos retos que se nos presentan.
O perfil dos nosos socios na súa maioría son produtores, contando tamén con técnicos relacionados co sector agrario e forestal, no ámbito público e privado.
Entre os nosos socios contamos con produtores con superficie representativa nas catro provincias galegas, con dedicacións a tempo parcial ou completo e incluso incorporacións de xoves e novos agricultores nos programas de axudas da Consellería de Medio Rural.
En canto o sistema produtivo, temos tanto novas plantacións realizadas nas últimas décadas como soutos tradicionais.
Entre os numerosos retos a afrontar por parte do sector e nos que a nosa Asociación está disposta a colaborar, en base a ampla experiencia dos nosos socios, está unha maior adaptación das axudas a realidade do sector e dos produtores, liñas das axudas da PAC adaptadas ao sector, formación, promoción do sector e fomento do consumo de castañas e derivados, recuperación e posta en valor dos soutos tradicionais e características que deben ter as novas plantacións…
Saúl Sánchez Freire
Xoven gandeiro e castañicultor de 30 anos, de Renche, concello de Samos, provincia de Lugo, con vacas cachenas manexadas mediante gandeiría rexenerativa e soutos de castaños centenarios, nos cales nos últimos anos intenta mellorar a súa produción, usando redes de recollida, rexenerando os soutos e aplicando silvopastoreo.
Nos seus soutos realizaranse o tratamento con drons, usando bioestimulantes.
Pedro Álvarez Álvarez
Profesor do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo, natural da Fonsagrada, é un experto, con numerosas publicacións a nivel nacional e internacional no mundo dos castaños. A esta experiencia une a coordinación dun ambicioso proxecto de actuación sobre os soutos asturianos, baseado na rexeneración e aumento de produción, identificación e selección xenética e realización de novas plantacións.
Beniu
Empresa tecnolóxica galega, con sedes en Ponteareas e a Comunidade Valenciana, creada no ano 2021, especializada en solucións agrícolas e forestais mediante drons no campo da teledetección e tratamentos aéreos, baixo os máximos estándares de profesionalidade. Son operadores autorizados pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), con permisos aeronáuticos que lles permiten operar en calquera escenario. Rexistrados Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPAMA) como provedores de servizos de tratamentos. Na súa aposta pola innovación, contribúe a modernizar o sector primario, ofrecendo solucións eficaces, sostibles e adaptadas aos novos retos do medio rural.
Agrobío SL
Con sede en Almería, é, desde a súa fundación no ano 1995, unha das empresas máis relevantes a nivel nacional na loita biolóxica contra pragas e enfermidades.
Na xornada de Samos darase un tratamento cun produto biofertilizante de esta empresa, fortalecedor e bioestimulante.


Deja un comentario