A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos esixe que a castaña sexa tratada como «froita fresca» para evitar tirar o 50% do produto
- A entidade denuncia que a venda a temperatura ambiente nos supermercados rompe a cadea de frío e vulnera a normativa internacional e a Lei de Prevención do Desperdicio Alimentario.
- Presentan unha campaña conxunta coa asociación portuguesa Agrifuturo para cambiar a ubicación do produto nos lineais: “Debe saír do estante das galletas e entrar na neveira”.
[A Coruña,12/02/2026] – A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos lanzou hoxe un informe técnico e unha campaña de concienciación baixo o título “A Castaña: Froita Fresca ou Froito Seco?”, co obxectivo de corrixir unha incoherencia histórica na comercialización deste produto: a súa clasificación errónea como froito seco imperecedoiro.
A entidade alerta de que tratar a castaña como se fose unha noz ou unha améndoa, expoñéndoa a temperatura ambiente nos supermercados, provoca unha rápida degradación do produto. Segundo os datos recollidos no informe, esta mala praxe provoca que “ata o 50% das castañas compradas polos consumidores rematen no lixo por non presentar condicións de salubridade”.
Unha froita fresca, non un froito seco
Aínda que a súa aparencia externa (cuncha dura e cor marrón) leva a confusión, a castaña é biolóxica e normativamente unha froita fresca. A diferenza dos froitos secos, que apenas teñen auga, a castaña posúe unha humidade de entre o 45% e o 50% e compórtase como un órgano vivo cunha respiración activa.
«Ao romperse a cadea de frío no punto de venda, actívanse fungos e procesos de descomposición. É un fallo sistémico: estamos a tratar un produto vivo como se fose madeira», explican dende a Asociación. A normativa internacional da UNECE (Comisión Económica das Nacións Unidas para Europa) xa a clasifica dentro da categoría de hortalizas e froitas frescas, esixindo a súa conservación en frío.
Alianza contra o desperdicio
No contexto da actual Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, a Asociación considera “inaceptable” manter a castaña fóra de refrixeración. Por iso, estableceron unha fronte común coa Associação de Agricultores para Valorizar o Futuro (Agrifuturo) de Valpaços (Portugal).
Ambas as entidades lanzan unha campaña visual con lemas como “Non me confundas: Fruto seco NON, Castaña fresca SÍ”, para educar tanto ao consumidor como ás grandes superficies comerciais. O obxectivo é claro e directo: a castaña debe mudar de ubicación no supermercado, saír da sección de secos e entrar nas zonas refrixeradas, manténdose idealmente preto dos 0ºC.
Reto ao consumidor e peticións ao sector
A Asociación anuncia que iniciará unha rolda de contactos con administracións e comercializadores para implementar estes cambios. Mentres tanto, convidan aos consumidores a facer a proba na casa: gardar a metade das castañas na neveira e a outra metade fóra para comprobar a radical diferenza na súa conservación.
«Non se trata só de defender a calidade gastronómica do noso produto, trátase de responsabilidade e cumprimento normativo. A castaña merece o lugar que lle corresponde por bioloxía», conclúen.
DOCUMENTO: A CASTAÑA FROITA FRESCA OU FROITO SECO?
DOCUMENTO: LA CASTAÑA ¿FRUTA FRESCA O FRUTO SECO?




Deja un comentario